Este ano, a Fundación Entretantos entra a formar parte da organización e dirección do Grupo de Estudos acollido pola Fundación Luis Seoane cun programa cuxo obxecto de estudo serán a transición ecosocial e o desexo.

O reto do Grupo de Estudos é desentrañar aqueles desexos que activan as pancas que nos permiten avanzar cara a mundos máis habitables formulando unha serie de preguntas. Que experiencias ecosociais son relevantes e poden ser replicadas? Que outros xeitos de subxectivación política se están creando para non poñer en xogo o futuro? Cales poden ser as pancas para saltar do desexo individual á mobilización colectiva ou se os desexos colectivos xeran axencia cidadá? En definitiva, preténdese xerar colectivamente novos relatos que vaian máis aló do desastre.

Este Grupo convertirase nunca comunidade estable de investigación, indagación, debate e construción colectiva durante un ano. Así, cunha reunión ao mes, combinará relatorias, performances ou conversas, da man de persoas e colectivos de referencia no ámbito ecosocial e artístico como estimulo para a reflexión como as poetas Luz Pichel, Lara Dopazo e Alba Cid, o experto en agroecoloxia e investigador do CSIC Daniel López, a profesora da Universidade de León Belén Sola, ou os investigadores Alexandre Pichel-Vázquez e Jaime Vindel.

Dirixido polo investigador e curador Fran Quiroga e por Nuria Alonso, ambientóloga da Fundación Entretantos, acompañarán aos encontrós cos grupos, sesións abertas ao público, e ademais desenvolverase unha acción perfomativa colectiva deseñada polos participantes.

Máis información: https://fundacionluisseoane.gal/es/actividades/grupo-de-estudos-transicion-ecosocial-e-desexo/

COMO PARTICIPAR

O Grupo de Estudos diríxese a todas as persoas interesadas nas interrelacións entre arte e a investigación, a xestión cultural, a transición ecosocial, a crise climática e activistas e persoas vencelladas a movementos sociais ou comprometidas coa transformación social. As sesións de traballo serán unha vez ao mes de xeito habitual e haberá tamén traballo online.

O obxecto desta convocatoria é atopar persoas que formen parte da comunidade epistémica coas que haberá un traballo de reflexión mediante sesions internas e online dende novembro de 2023 ata xullo de 2024, cunha implicación aproximada de 50 horas distribuidas en sete meses.

O Grupo de Estudos estará formado por un número máximo de 12 persoas, previamente seleccionadas por Fran Quiroga e Nuria Alonso e por Silvia Longueira, directora da Fundación Luis Seoane. Para participar, é necesario enviar un email a info@fundacionluisseoane.gal, xuntando unha breve carta dunha extensión non superior a 300 palabras explicando o interese en formar parte desta iniciativa.

A selección determinarase en función de:
● Adecuación coas liñas de traballo do Grupo de Estudos
● Perfís híbridos, búscase unha mistura entre coñecementos teóricos e prácticos
● Incorporación de novas propostas teóricas

A data limite para o envío da proposta de participación é o 8 de novembro.